O xogo “En busca do desenvolvemento” é un recurso propio de ACPP que ten como obxectivo principal que as persoas que participan comprendan os procesos de desenvolvemento global e as variables que están implicadas no mesmo, empregando unha metodoloxía participativa para convidar a reflexionar sobre estes complexos procesos de maneira práctica e lúdica.
Ao falar de desenvolvemento, os países empobrecidos vense afectados negativamente pola inequidade das relacións políticas e comerciais entre o Sur e o Norte global polo que a consecución dun mundo máis equitativo e xusto é tarefa de todas as persoas.
Conscientes da complexidade desta temática – variables que interveñen no proceso, diferencia Sur-Norte global, relacións internacionais, etc – proponse unha metodoloxía participativa que promove a reflexión práctica e, ao mesmo tempo, lúdica. Así pois, o xogo propón unha simulación no que cada grupo é unha rexión do mundo que ten como obxectivo conseguir o desenvolvemento. Outros obxectivos do xogo son:
- Coñecer e comprender as diferencias Sur-Norte global respecto ao desenvolvemento global, manexando conceptos relacionados co tema.
- Comprender as transaccións internacionais e as súas consecuencias sobre o desenvolvemento dos países.
- Sensibilizar ás persoas participantes sobre a situación de desvantaxe das rexións en vías de desenvolvemento respecto ás rexións desenvolvidas.
De maneira concreta, En busca do desenvolvemento é un xogo de estratexia onde as persoas participantes se distribúen en seis países ou rexións do mundo: Estados Unidos, Unión Europea, África subsahariana, Oriente Medio, América Latina e Asia. O Banco Mundial será o coordinador das operacións e moderador das relacións internacionais. Ao longo do xogo, os equipos participantes deben relacionarse uns con outros por medio de transaccións para conseguir o seu obxectivo: o desenvolvemento. Para iso, deberán conservar ou aumentar o seu nivel de desenvolvemento mediante os indicadores que compoñen o índice de desenvolvemento: saúde, educación, seguridade alimentaria, medio ambiente, tecnoloxía e paz. Tamén intercambiando bens de mercado, axuda humanitaria, etc. Poderanse pensar alianzas entre países, solicitar préstamos ao Banco Mundial, facer fronte a catástrofes naturais e as súas consecuencias, etc. Ao finalizar o xogo, cada equipo realizará unha avaliación do estado que alcanzou, analizando as variables e toma de decisións que afectaron o seu proceso ademais de debater sobre o propio concepto de “desenvolvemento”.
Este recurso non é actual senón que xa se dispoñía del en ACPP pero en xuño de 2025 realizouse un proceso de revisión tanto de contido como de imaxe gráfica e visual do xogo.
Considérase un recurso moi pertinente dado que responde a unha das necesidades expresadas polo alumnado na sesión de avaliación do anterior curso xa que manifestaron que querían coñecer máis sobre o “sistema mundo” e entender mellor as cousas. Ademais tamén existe unha experiencia previa na delegación de ACPP Galicia de adaptar un recurso propio de ACPP, tamén un xogo.
Este recurso pretende achegar as complexas dinámicas globais que derivan en estruturas de desigualdade. Comprender para logo actuar!


