Un estudo-investigación sobre a convivencia escolar nos centros participantes no Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento

“Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” presenta o Estudo sobre a convivencia escolar nos centros educativos, un informe elaborado en base á información obtida en cinco centros de secundaria galegos do que se desprende que, a pesar de ser a convivencia un asunto central que afecta ó desenvolvemento educativo e humano, está inmersa nunha tendencia de deterioración e precisa de maior atención e recursos. Entre as principais problemáticas identificadas cóntase o empeoramento na relación entre familias e profesorado, a interiorización ou naturalización de condutas de maltrato por parte do alumnado, que derivan moitas veces na comisión de faltas que empeoran a convivencia, e a tendencia a traballar estas cuestións de xeito punitivo e non preventivo.

O estudo, encargado pola  Asemblea de Cooperación pola Paz co obxecto de abordar a convivencia na comunidade educativa e as estratexias para promovela, desenvolveuno neste curso 2023-2024 a especialista Tania Merelas Iglesias (Doutora en Ciencias da Educación, posgraduada en Xénero e Políticas Públicas de Igualdade e diplomada en Educación Social), que puxo en práctica unha metodoloxía de investigación integradora da análise documental dos plans de convivencia dos centros educativos e das narrativas achegadas por varias orientadoras pedagóxicas a través da súa participación nun grupo de discusión.

Con carácter xeral, o informe sinala que os marcos metodolóxicos, recursos e prioridades para traballar a convivencia non son sempre sostibles a longo prazo e existe a percepción de que empeoraron de forma significativa nos últimos tempos nos centros educativos participantes no estudo, destacando a deterioración na relación entre profesorado e familias e outras relacións presentes na comunidade educativa. Este feito despraza o foco sobre o alumnado, ao que se adoita mirar cando se fala de convivencia e dificultades nas relacións nos centros educativos, e apunta cara á responsabilidade que tamén ten a parte adulta, tanto familias como profesorado, quen con autocrítica e proactividade poden contribuír a mellorar o clima de convivencia, segundo apunta a autora do informe.

 

Maior presenza do maltrato psicolóxico e emocional

No que respecta ao alumnado, amosan certas prácticas nas relacións interpersoais marcadas por formas de maltrato, comportamentos que están normalizados mais que evidencian formas prexudiciais de relacionarse. Se ben é certo que non se trata de faltas moi graves, o que se percibe é unha naturalización ou unha normalización de relacións baseadas no maltrato, sobre todo da violencia emocional, “algo que está á orde do día e que non se identifica como tal, non ven que están a exercer violencia ou a menoscabar a integridade doutra persoa”, segundo indica a autora do estudo. Este é o caso das faltas de respecto, insultos, chantaxes, pórse alcumes, etc. Atendendo a un enfoque de xénero, os rapaces tenden a adoptar comportamentos máis agresivos mentres as rapazas desenvolven estratexias que buscan o illamento.

 

Ratios imposibles e temporalidade

O informe fai mención tamén a cuestións estruturais, derivadas da organización do sistema educativo, que afectan a capacidade de manobra do profesorado. En concreto, as ratios elevadas e a temporalidade ou interinidade do persoal docente fan que non se poidan desenvolver proxectos sostidos no tempo de cara á prevención e promoción da convivencia. En consecuencia, “desafortunadamente, son poucos os centros que poden estar traballando desde unha perspectiva preventiva, que sería un pouco desde este enfoque educativo e transformador o que máis nos interesaría. Traballar desde a prevención, e non só desde a parte punitiva, da sanción”.

 

Menor convivencia, menor rendemento académico

Ademais o informe indica que a convivencia está relacionada coa calidade das competencias académicas xa que “non podes traballar en aula certas competencias académicas senón hai un bo clima de convivencia. Entón, ao final, a convivencia afecta o rendemento académico e escolar.” En consecuencia, investir enerxías, esforzos e recursos para traballar a prevención dos conflitos debería ser unha prioridade.