PERSOAL TÉCNICO DO “ESCOLAS SEN RACISMO. ESCOLAS PARA A PAZ E O DESENVOLVEMENTO” FÓRMASE EN PRÁCTICAS PEDAGÓXICAS RESTAURATIVAS NA XESTIÓN DE CONFLITOS

Axentes educativos da Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia e de outras delegacións da ONGD no territorio estatal, formáronse en prácticas pedagóxicas restaurativas para a convivencia co obxecto de integralas no desenvolvemento do proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” e dotalo dunha nova dimensión en materia de metodoloxías socio-afectivas.

A formación tivo lugar entre os meses de novembro e xaneiro, constou de 4 sesións semi-presenciais impartidas por profesionais de Convives, Asociación de personas comprometidas coa convivencia positiva, a coeducación e os DDHH, e foi participada por persoal de ACPP a nivel estatal.

Os coñecementos adquiridos ao redor das prácticas restaurativas, serán aplicados nas intervencións directas co alumnado nos seis centros de ensino implicados no proxecto neste curso 2023-2024, IES Milladoiro (Ames), IES Antón Losada (A Estrada), IES Chano Piñeiro (Forcarei), CEIP Figueiroa (A Estrada), CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) e IES Xulián Magariños (Negreira).

Multiplicarase o potencial transformador que ofrecen ao formar tamén a profesorado dos centros de ensino mediante unha sesión teórico-práctica que terá lugar no mes de abril en Santiago de Compostela.

 

O conflito é unha oportunidade

Con estas accións, “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” traballa por abordar a “convivencia non só como un obxectivo senón como obxecto de aprendizaxe na que o conflito como unha oportunidade para mellorar situación xeral da comunidade”, informan desde ACPP.

En consecuencia, ademais da vítima e a persoa infratora, “a comunidade tamén participa no proceso restaurativo que se vehicula mediante o diálogo e a comprensión”.

 

Esta forma de comprender e intervir sobre a convivencia escolar rompe a lóxica centrada na xustiza retributiva, que actúa unha vez se produciu ou estalou o conflito, que establece culpas e exclúe ás vítimas do proceso de resolución e que dá por finalizado o conflito cando a persoa cualificada de culpable cumpre unha sanción.