FORMAMOS MULTIPLICADORAS DE PAZ E CONVIVENCIA

O grupo de traballo intercentros do proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” fórmase en metodoloxías restaurativas para a xestión de conflitos. As orientadoras dos centros de ensino IES Antón Losada (A Estrada), IES Chano Piñeiro (Forcarei) e IES Xulián Magariños (Negreira) recibiron unha formación facilitada por persoal técnico de Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia co obxecto de aproximarse a novas prácticas para mellora da convivencia nos institutos a través do fortalecemento dos vínculos, do coidado ao corpo e as emocións.  O encontro tivo lugar a comezos do mes de abril na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela e nel obtivéronse resultados moi satisfactorios que desde a ONGD agardan, “se trasladen axiña ás aulas para enriquecer as relacións que se tecen nas comunidades educativas”.

As metodoloxías restaurativas buscan a reparación dos danos causados nos conflitos ao asumir responsabilidades, promover o diálogo e crear contornas positivas coa participación de toda a comunidade educativa. Unha das prácticas máis estendidas, e na que se formaron as orientadoras dos IES da Estrada, Negreira e Forcarei, son os círculos de círculos de diálogo, espazos facilitados por unha/s mediadora/s que promoven o coñecemento mutuo como  xeito de cohesión pero tamén lugar no que identificar problemas, detectar necesidades, promover responsabilidades e orientarse á transformación dalgunha situación.

 

Emoción e corpo

Mediante esta actividade o proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” consolida a súa aposta na construción da cultura de paz coa aplicación no campo da educación de metodoloxías socio-afectivas que traballan non só a esfera “mental e racional senón tamén o emocional e o corpo, onde se manifestan esas emocións”.

Esta actividade enmárcase nos plans de formación permanente para o profesorado de centros educativos públicos impulsados pola Consellería de Educación para o presente curso 2023-2024. Con eles promóvese a autonomía dos centros de ensino no deseño de plans de formación propios, en función das necesidades que detecten e que para o seu desenvolvemento reciban o apoio da consellería.